miércoles, 20 de abril de 2011

DÚAS NOVIDADES DA EDITORIAL OQO


Aquel home chegaba no mellor momento, porque Osiño non tiña ningunhas ganas de quedar na súa cova todo o inverno. Osiño, moi contento, exclamou: —Marcho na procura de aventuras! E foise co músico.
Osiño emprende ilusionado e cheo de expectativas esta aventura que non se trata só dun percorrido espazo-temporal, senón, principalmente, vital. As aventuras de Osiño é unha metáfora da vida, como adoita suceder cos relatos de viaxes.
Ao longo de todo un ano, o protagonista ―e con el, o lector― coñecerá diferentes lugares,descubrirá e afianzará o seu potencial e particular talento, fará novos amigos e, ante todo, cumprirá o seu soño: coñecer o mar.


A cada corda que Zimbo cortaba,
o Monicrequeiro notaba como se rompían
os fíos que tensaban a súa alma.
Hai lazos que se deben romper para que outros ―como os que constrúe o afecto― non rompan nunca. Esta historia emotiva tanto na prosa lírica de Arturo Abad, como nas evocadoras ilustracións de Joanna Concejo mergúllase no doloroso que resulta deixar marchar as persoas que un quere.
Irse e deixar ir nada ten que ver con deixar de querer. Arturo Abad sitúa o lector a ambos os lados do espello e ofrece unha visión ecuánime da situación. Deste xeito, conmove por igual, tanto coa tristeza que lle xera ao boneco de cedro Zimbo a falta de liberdade, como coa aflición que lle provoca ao Monicrequeiro a marcha de quen estima como un fillo e que desexaría que permanecese sempre ao seu carón.