Todas as culturas teñen un home sabio pola idade que lles axuda aos nenos a pasar o inverno. A cultura galega ten o Apalpador, que durante os anos de esquecemento sobreviviu nos montes do Courel e o Cebreiro e agora volve facernos compaña. Moito antes de que a sociedade de consumo importase dos países nórdicos a Papá Noel, en Galiza xa habitaba a figura mítica do Apalpador. O Apalpador é un home de barba rubia, un vello xigante, que vive nas devesas das altas montañas facendo carbón para escorrentar o frío do inverno.
Na noite do 24 de decembro baixa ata as aldeas, métese polas chemineas nas casas e achégase aos nenos e ás nenas que dormen ao remol das mantas e apálpalles as barrigas para ver se os cativos están ben alimentados. Dálles un bico na meixela e déixalles unha presa de castañas para que non pasen fame.
O Apalpador é moi lambeteiro e se os nenos lle deixan un calcetín ou uns zapatos con algo doce para axudarlle a andar toda a noite visitando todas as casas de todos os nenos galegos, el entrégalles os agasallos de madeira, tea e cartón que fixo coas súas mans no tempo de lecer do resto do ano. Ao Apalpador gústanlle máis os xoguetes feitos á man con materiais naturais como a madeira ou o barro, cheos de cariño e respectuosos co medio ambiente, que aqueles de plástico, automáticos e con pilas que gastan moita enerxía e empobrecen os nenos e nenas doutas partes do planeta. (Fontes: VIEIROS DA ESCOLA - Nova escola galega)
Que? Xa sabedes quen é o Apalpador? Seguro que si. É o Santa Claus galego.
Pois ben, o Apalpador xa chegou a Santiago. Mirade, mirade o vídeo... e estade atentos porque non sei ...ao mellor este ano chega a Ferrol...senon, non desesperedes outro ano será!
Se queredes saber máis visitade a páxina do APALPADOR
Ah! Pero aquí tedes un pequeno adianto:
O conto do Apalpador
Premer no conto para poder lelo